Thursday 02 de May de 2024

Lousame licita por 191.000 euros o proxecto de redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia enerxética do seu alumeado público


A actuación permitirá substituír 344 puntos de luz no municipio

O Concello de Lousame vén de licitar por 191.700 euros o proxecto de redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia no alumeado público municipal. Unha iniciativa que permitirá substituír un total de 344 puntos de luz no municipio cunhas luminarias obsoletas e cun rendemento moi baixo por outras de tecnoloxía LED cunha temperatura de cor de 3.000 K. As obras teñen un prazo de execución de 8 semanas e o prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 24 de outubro.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “o proxecto inclúe a substitución de 348 puntos de luz do alumeado público, onde se cambiarán os sistemas de alumeado por sistemas LED, renovaranse os centros de mando e o cabreado e se instalarán reloxos astronómicos de acendido e apagado para regular mellor o consumo. Deste xeito reduciremos o noso consumo enerxético, minoraremos o gasto municipal e axudaremos a unha mellor conservación do noso medio natural”.

Neste caso, as luminarias a substituír están emprazadas en catorce localidades do municipio e na súa contorna: Abeixón, Boca do Souto, Carabeiras, Cernande, Chave, Figueroa, Filgueira, Maxide, Outeiro, Portela, Pousada, Riatelo, San Roquiño e Seixido. Unhas aldeas que contan a día de hoxe cunha luminarias e centros de mandos moi deterioradas polo paso do tempo, cun rendemento moi baixo e cunha tecnoloxía de baixa eficiencia e alto poder contaminante, como son as lámpadas de vapor de sodio, vapor de mercurio e de haloxenuros metálicos.

En cada un dos centros de mando destas localidades acometeranse vairas reformas: substitución das luminarias por outras con tecnoloxía LED, renovación ou acondicionamento dos centros de mando, renovación dos tramos deteriorados, dotación de proteccións contra sobretensións e incorporación de acendido mediante reloxo astronómico en todos os cadros de mando. Unha tecnoloxía que contará con cando menos 5 anos de garantía en todos os seus compoñentes.

Este proxecto será cofinanciado polo IDAE e o Concello de Lousame, que financiará os 37.000 euros da súa achega grazas ao préstamo do Instituto Galego da Vivenda e Solo ao abeiro do Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Un empréstito sen xuros e a devolver en 8 anos aprobado polo pleno municipal o pasado mes de xaneiro.